Monday 13 de May de 2024

A Xunta impulsará unha alianza galega polo clima para ser parte da solución ao problema global do cambio climático


Ángeles Vázquez subliña que reunirá a organizacións que estean dispostas a asumir un compromiso para avanzar na mellora do medio ambiente como empresas, asociacións profesionais, oenegués ambientais ou administración públicas

A Xunta xa está a revisar as metas da súa Estratexia para adaptarse, en canto á redución de emisións, aos novos obxectivos fixados pola Unión Europea

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda proponse impulsar unha Alianza Galega polo Clima para dar un paso máis como parte da solución ao problema do cambio climático.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou este compromiso que encabezará o departamento que dirixe e que ve esta iniciativa como a resposta a un gran desafío, como é protexer, manter e mellorar o capital de Galicia, e sobre todo, o benestar dos cidadáns fronte aos riscos e efectos ambientais.

Ángeles Vázquez presidiu esta mañá a primeira reunión da Comisión interdepartamental da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, un órgano de coordinación no que están representados todos os departamentos da Administración galega.

Despois da xuntanza, a conselleira explicou que esta Alianza reunirá a organizacións que estean dispostos a asumir un compromiso para avanzar na mellora do medio ambiente e o logro dos Obxectivos do Desenvolvemento Sustentable e a Axenda 2030. Polo tanto, inclúe empresas, asociacións profesionais e organizacións sindicais, así como oenegués ambientais, entidades da sociedade civil e administración públicas que queiran achegar a súa experiencia.

Así, subliñou que a Alianza “reunirá participación autonómica, local e provincial”, de xeito que se estenderá “á pequena e media empresa da Comunidade e tamén ás distintas organizacións que desexen participar no respecto polo clima e o territorio de Galicia, e queiran formar parte dunha Galicia neutra”. “Queremos que frear o cambio climático sexa cousa de todos”, incidiu.

O aproveitamento destas sinerxías permitirá ao conxunto da sociedade definir a priorización de estratexias e iniciativas comúns para resolver os principais problemas ambientais de Galicia, ofrecer ferramentas para que todas as entidades se incorporen de xeito activo, así como identificar os factores e brechas de coñecemento e de xestión que obstaculicen asumir un compromiso ambiental.

Neste sentido, Vázquez Mejuto salientou que Galicia foi unha rexión pioneira, ao ser unha das primeiras rexións en elaborar, e poñer en marcha, a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, así como o seu primeiro plan de acción. No primeiro ano de vixencia, puxéronse en marcha 114 medidas, 4 xa finalizaron a súa implantación e 53 están en estudo, prevendo desenvolverse antes do ano 2023.

Revisión dos obxectivos
A Comunidade galega está a recoller os primeiros froitos derivados da súa implicación, e ao investimento de máis de 317 millóns de euros, na loita contra o cambio climático; tal e como demostra a redución de emisións nun 23,8%, nunha porcentaxe por enriba da media nacional e en liña cos obxectivos que marca a Unión Europea.

Sobre isto, a Comisión interdepartamental tamén abordou hoxe a revisión que xa está realizando a Xunta das metas da súa Estratexia para adaptarse, en canto á redución de emisións, aos novos obxectivos fixados polas autoridades comunitarias para o conxunto da UE en 2030, de maneira que sexan acordes.

A conselleira concluíuque o traballo da Comisión é fundamental para facer visible as actuacións fronte ao cambio climático que se poñen en marcha desde o Goberno autonómico e indicou que o carácter transversal da mesma é un aliado para chegar a todos os departamentos da administración.